miércoles, 19 de octubre de 2011

Historia Celtarras

A PREHISTORIA

Na primeira metade da década dos 80, prodúcese no estado español o grande auxe dos grupos de hinchas organizados, que irán aparecendo a imitación dos que xa existían dende facía varios anos en paises como Inglaterra ou Italia. Serían grupos desmarcados do resto das hinchadas dos seus respectivos equipos, sobre todo pola súa forma de animación, colorido e, en moitos casos, violencia amosada. Vigo non foi allea a todo isto, e alá polos primeiros anos dos 80 nacían as Xuventudes Celestes; xunto a éstes, outras peñas como Comando Celta, dotaron ao estadio de Balaidos dun maior colorido coas súas faixas e bandeiras. As XXCC, único grupo que posuía un local de seu no propio estadio, tamén contaban cun cubregradas de grandes dimensións, coas cores do equipo. A existenca das XXCC terá a súa importanca na consolidación de Celtarras anos despois, xa que moitos membros do noso grupo pasaron previamente polas Xuventudes Celestes. Todavía lembramos os seus espectaculares bengaleos na década dos oitenta.



SESTAO

A tempada 86/87, co equipo na segunda división, tiña o ascenso por obxectivo, e o destino quiso que o Celta se xogara o ascenso en Sestao ante o equipo local, e na derradeira xornada dun campionato máis longo do habitual (con play-off incluido). Unha grande marea celeste desplazouse ata Euskal Herria (a maioría da xente, no que se deu en chamar o Tren do Ascenso). O ambente en Sestao foi inmellorable, e os centos de celtistas alí presentes viviron unha xornada festiva, misturados coa afición verdinegra do conxunto basco. Esta viaxe, este encontro,este ascenso, despertan nun grupo de mozos a idea de montar en Balaidos unha nova peña de animación, e que mellor forma de agradecer á xente de Sestao o seu trato que porlle ó novo grupo o nome de Celtarras, nun guiño a tódolos sestaotarras que o día daquel 0-0 que significaba o noso ascenso chamaban dese modo aos siareiros achegados dende Galiza. Por certo, que no multitudinario recibimento ao Celta en Vigo, non faltaron os berros de ánimo ao River (agarimoso alcume co que se coñecía ao Sestao).



PRIMEIROS ANOS

Durante a tempada 87/88 aparece en Balaidos a faixa de Celtarras na esquina de Gol con Tribuna. Non tardaría en aparecer a faixa de Galiza Ceive ao carón da principal do grupo, esta última en letras vermellas sobre fondo celeste. Tamén comezan os desplazamentos, como por exemplo ao Molinón xixonés, onde se compartíu, xunto co resto de peñas célticas, bancada cos Norte Xixón (daquela, Norte Gijón), que manterían por aquel entón boas relacións con Xuventudes Celestes, que seguían a ser o pincipal foco de animación xuvenil en Balaidos. Inda que cada  un ao seu modo, tanto Celtarras como Xuventudes Celestes ou Comando Celta tiveron sempre un marcado carácter nacionalista galego, e por suposto, nunca o racismo nen o fascismo tiveron cabida neles. No libro Un celta de primera, editado pola editorial Evento  trala disputa da tempada 87/88, había xa unha referencia a Celtarras nas seguintes liñas:

En cuanto al caso de Vigo, han emergido últimamente unas peñas características del llamado posmodernismo o, más bien, típicas de la actual configuración sociológica urbana. Éstas, que han rechazado repetidamente su calificación de “peñas ultras”, y de hecho así lo han demostrado por su ausencia de componente violento, son principalmente cuatro: “Celtarras”, que se sitúan en la grada de gol. “Celtas sin filtro”, en marcador. “Comando Celta”, en preferencia, y “Xuventudes Celestes” en Rio Bajo.

Co paso dos anos, Celtarras consolidouse como o motor de Balaidos en canto a animación. Comando Celta transformouse na típica peña de puretas que apenas se fan notar, Xuventudes Celestes foi minguando ata chegar á súa desaparición, e os primeiros Celtas sin Filtro desapareceron para reaparecer posteriormente reconvertidos nunha peña de pijos e pijas que tamén deixou xa de existir.

Na tempada 90/91, a xente de Celtarras acudíu pola súa conta ao Coruña-Celta en Riazor, onde os enfrontamentos cos hinchas coruñeses reproducíronse durante todo o día. No encontro da segunda volta, os Blues foron escoltados ata Balaidos, algo que non evitou os altercados tanto no interior como nos exteriores déste. Aquel día, Celtarras situouse na bancada de Marcador, sabedores de que os coruñeses serían ubicados na bancada de Fondo. O intercambio de bengalas e outros obxectos dunha bancada á outra foi espectacular, e a policía non puido facer nada por evitalo. Os graves altercados que se sucederon á conclusión do encontro por diversas rúas viguesas, escandalizaron á opinión pública, posto que nunca antes se vivira algo semellante nun encontro de fútbol disputado en Vigo. Este partido significaría o bautismo de Celtarras en canto a acaparar minutos e páxinas nos medios de comunicación. 



CHEGADA A FONDO

A tempada 91/92 marca un punto de inflexión na traxectoria de Celtarras. Chégase á bancada de Fondo (todavía chamada General daquela) e xornada tras xornada vanse incorporando novos membros, ao tempo que o Celta vaise  consolidando como principal candidato ao ascenso a primeira división. Aparecen as primeiras bufandas, e o emprego de bengalas e demais pirotécnia fanse masivos ata o fatídico accidente de Sarriá, no que un rapaz morría tralo impacto dunha bengala de mar lanzada dende outra bancada, e que fixo que este tipo de material se prohibira de inmediato en todo o estado.


As viaxes a Santiago e Avilés (sobre todo esta última) non pasarían desapercibidas, e nalgúns xornais comezan a preocuparse polo crecemento e consolidación do grupo; comezan a escoitarse voces que esixen á directiva a expulsión de  Balaidos dos membros de Celtarras, e cada vez é maior a presencia de policía na nosa bancada; as cargas dentro désta sucederianse domingo tras domingo.


Ante os ataques sufridos, a TVG ameaza con non enviar cámaras a Balaidos para cubrir os encontros disputados polo noso equipo.

Acadada a meta do ascenso, o clube quiso agradecer á afición o apoio amosado durante todo o ano coa disputa dun amigable ante o campión de liga en 1ª división, o F.C. Barcelona. A policía sumouse á festa do único modo que sabe, levando a cabo unha serie de cargas moi violentas contra os siareiros da bancada de Fondo.



MAIS DUNHA DECADA CELTARREANDO EN PRIMEIRA

Tralo ascenso do equipo na campaña anterior, a 92/93 comeza, moitísimos anos despois, cun novo clásico do fútbol galego en primeira división. Celtarras, que se desplazaría nun autobús, é prácticamente a única representación de siareiros célticos en Riazor. O autobús remata coas lúas rotas, e na viaxe de regreso prodúcense uns incidentes coa expedición celtarra nunha área de servizo.

No derbi da segunda volta en Balaidos, a bancada de Fondo é dividida en dúas partes por medio dun valado; para a policía, era unha forma de controlar máis e mellor a un dos grupos considerados ao ano seguinte pola Comisión Antiviolencia como un dos máis perigosos do estado. Ao remate do encontro prodúcese unha batalla campal coa policía polas rúas viguesas. Cara o remate do campionato (maio do 93) aparecería o número 1 de Fondo Celtarra, primeiro fanzine oficial do grupo. É raro o encontro desa liga 92/93 no que algún siareiro da bancada de Fondo non é expulsado do campo ou denunciado pola policía; a visita do Frente Atlético a Vigo provocou diversos incidentes polos aledaños de Balaidos.

Pero se un feito tería moita relevancia nesa tempada do regreso á 1ª división, ese sería o peche de Balaidos por dous encontros, por mor dunha invasión de campo que tivo lugar á conclusión dun polémico Celta-Sevilla no que o noso equipo rematou con varios xogadores expulsados. Eses dous encontros, coa Real Sociedade e mailo Albacete como rivais, disputaríanse en Pontevedra. A cidade do Lérez e Pasarón tinxíronse de celeste, e Celtarras situouse no mesmo fondo durante os dous encontros. O tren será o medio de transporte máis empregado pola xente de Celtarras ata alí desplazada, que deixará a súa impronta persoal no interior déstes.

Na tempada 93/94 vivíuse a maior concentración de siareiros convocada por Celtarras polas rúas viguesas. Entre 700 e 800 persoas dirixíronse, todas xuntas e estreitamente vixiadas pola policía, dende a Porta do Sol ata a Bancada de Fondo, horas antes do Celta-Coruña. Ese día estreáronse 24 bandeiróns, nun desplegue nunca visto anteriormente en Balaidos. En medio desta tempada, disputouse en Balaidos un encontro amigable entre as seleccións de España e Portugal, con notable presencia de mozos do grupo na bancada de Fondo para animar a Portugal. A resposta policial foi a base de numerosas expulsións do campo e bandeiras galegas requisadas. Algunha española sería queimada.

Co Real Madrid víu un autobús con membros de Ultras Sur, o que fixo que ao remate do encontro se rexistraran incidentes nos aledaños do estadio coa xente que se concentrou fóra para esperar a saída dos madrileños.

O maior continxente levado por Celtarras a Riazor tivo lugar na tempada seguinte, con medio milleiro de siareiros desplazados a un encontro que o equipo vigués gañaría por 1-2 nun chuvioso mércores de decembro. No encontro da 2ª volta, os coruñeses non atoparían a ningunha empresa de autobuses que os quixera trasladar ata a nosa cidade, polo que a presencia déstes en Balaidos foi mínima. O derbi chegaba dúas semanas despois do choque ante o Valladolid, no que os Ultras Violetas visitaron Vigo, e cos que se rexistraron enfrontamentos ao longo do día, así como roturas en varias das lúas dos autobuses que trasladou á hinchada pucelana, que demoraría a marcha déstes ata ben entrada a noite.

Foi nese campionato no que se producíu un maior número de viaxes nunha mesma tempada por parte de Celtarras; Bilbo (dous autobuses), Donosti, Santiago, A Coruña, Xixón, Oviedo, Valladolid, Madrid (dous autobuses) e Logroño. En Logroño chegouse ata o bar de Gaunas Sur, pero a presencia policial evitou calquera tipo de incidentes; no interior do campo non puideron evitalos, e ata houbo quenes se achegaron ata a bancada dos ultras locais, producíndose posteriormente cargas e carreiras pola bancada, así como a detención dun compañeiro. En Oviedo tamén houbo bronca e outra detención, inda que o máis salientable desa viaxe foron as pintadas coas que se decorou todo o Carlos Tartiere na noite anterior, e que fixeron que os medios de comunicación rápidamente dispararan as súas críticas (algunhas pintadas facían referencia a ETA e a Irene Villa). Oviedo convertíuse co paso dos anos nunha cidade habitual para viaxar, e onde se produciron varias lirotas con hinchas carballóns. En Xixón, o destino era o bar de Ultra Boys, pero a policía sacou aos galegos da zona a mamporrazos. Pola súa banda, nos exteriores do Bernabeu tamén se producíu unha liorta, na cal un celtarra foi acoitelado no cu por un membro de Ultras Sur; os autobuses tamén serían atacados polos fascistas españois.

Á tremenda festa vivida en Santiago con motivo do primeiro Compos-Celta da historia en primeira división, habería que engadirlle os incidentes que tiveron lugar no interior do tren que trasladaba á afición céltica de regreso a Vigo, e que provocou que a policía estivera no andén da estación de Vigo para levar a cabo varias detencións. RENFE valorou en varios centos de miles de pesetas os danos ocasionados dentro dos vagóns. Non sería esta a única vez durante esa tempada na que se visitaría o campo santiagués, xa que en diversas ocasións, membros de Celtarras achegáronse ata a nosa capital para apoiar ao equipo branquiazul; con diferencia, o encontro ao que acudimos máis siareiros célticos foi o Compos-Coruña, onde o autobús do equipo herculino rematou cunha lúa rachada.

Esta tempada pechouse en Balaidos cunha goleada ante o Osasuna que, entre outras cousas, estivo marcada polos berros contra a banda de música da Brilat que saíu ao campo para tocar durante o descanso, e que non pasaron desapercibidos para os medios de comunicación.

O verán do 95 pasará á historia do Celta como o da crise dos avais, pola cal o Celta foi descendido administrativamente nun primeiro intre a 2ªB. Celtarras estará presente en tódolos actos e iniciativas que loitan porque o noso clube se mantivera onde lle correspondía. Ademais de acampar en Balaidos, asistir a adestramentos e encontros amigables fóra de Vigo, participar na organización dun concerto, asistir ás manifestacións e concentracións, o punto álxido vivíuse coa viaxe a Madrid para dirixirse ata o local da RFEF o día da decisión final. Nunha parada levada a cabo en Puebla de Sanabria, prodúcese un saqueo na tenda dunha gasolineira, que fai que varios axentes da G. Civil se presenten na zona. A prensa volta a cebarse unha vez máis con Celtarras. 

Unha das tempadas menos activas de Celtarras foi a 95/96, a cal coincidíu co cambio de grada da meirande parte do grupo á bancada de Marcador, o que fixo que éste quedara dividido. Pensabase que o troco de ubicación repercutiría positivamente na peña, pero as características de Marcador fixeron que os partidos se ollaran sentados e sen apenas animar, a excepción dos clásicos ante Compos e Coruña, e algún encontro máis. No derradeiro encontro do campionato, o Valencia xogabase sair campión en Balaidos, polo que a presencia de siareiros valencianistas en Vigo foi masiva, comezando a chegar xa a primeiras horas do día. Houbo enfrontamentos entre Celtarras e Yomus, co saldo dun ultra levantino evacuado en ambulancia e consecución da faixa de Yomus pola nosa banda, que a policía se encargaría de quitárnola ao mostrala no interior do campo. Tamén nos requisaron unha faixa na que se podía ler “Guillem Agulló vinganza”.

Ao igual que na tempada anterior, estívose presente no Compostela-Coruña, onde unha vez máis o autobús que trasladou ao equipo coruñés remataba con algunha lúa rachada. Pero a diferencia do ano anterior, esta vez remataron por ser detidos varios componentes do noso grupo, inda que só o autor do apedreamento permaneceu detido durante varios días.

Na semana anterior ao encontro ante o Coruña, a TV3 catalana estivo en Balaidos para grabar connosco unha reportaxe que posteriormente pasaron nos prolegómenos do encontro. Na noite anterior a ese encontro, a policía detivo a tres mozos do grupo por facer pintadas nos exteriores de Balaidos. Noutro encontro, sacouse unha faixa contra o xornalista local Euxenio Eiroa, que custou a expulsión do campo de dous mozos, que posteriormente serían xulgados por iso.

Tralos enfrontamentos da tempada anterior en Vigo, os ultras do Valladolid adicáronse a ameazar a toda a hinchada céltica por medio dun comunicado enviado a tódolos medios de comunicación da nosa cidade, o que fixo que ningunha peña se plantexara estar presente en Pucela. Celtarras non abandoará a súa idea de estar alí, e non se tarda en encher un autobús. Pero o medo a ser atacados fai que ningunha empresa de autobuses quera levarnos, co que finalmente non se puido sacar adiante a viaxe, pese ao grande esforzo por atopar unha empresa que nos levara ata o derradeiro intre. Inda así, unha ducia de celtarras viaxou nos seus propios vehículos; a masiva presencia policial evitou enfrontamentos importantes. De todos modos, noutras tempadas tamén houbo presencia en Pucela, con enfrontamentos esporádicos con fachas locais.

Na tempada seguinte, a totalidade do grupo estaba de novo en Fondo. A liga comezaba cun novo derbi, no que a policía quiso ser protagonista ao requisar os fanzines de Celtarras nas portas da bancada, por consideralos anticonstitucionais. Meses despois, Celtarras participaría de forma activa na organización do primeiro Festival Pro-Selección Galega, celebrado en A Estrada.

Para a viaxe a Pucela tiñamos montados dous autobuses, pero a última hora botouse atrás a compañía que nos ía trasladar, co que un centenar de celtarras quedaban en terra ao non haber xa tempo material para alugar outros autobuses. Por segundo ano consecutivo, quedabamos co mel nos beizos dunha viaxe a Pucela que prometía moito.

Na tempada 97/98, unha semana antes do Celta-Coruña, un concerto en Carral a prol da selección galega remataba con pelexas dentro da sala entre membros de Celtarras e de Blues alí presentes. O día do derbi, o tren no que viaxaban os herculinos era apedreado polos celtarras da zona do Salnés ao seu paso por Vilagarcía de Arousa. Dentro do campo, un antidisturbios rematou no foso, ao que respostaron os seus compañeiros con varias cargas e facendo que dous mozos tiveran que ser hospitalizados. Nas horas previas ao comezo do partido, eran detidos seis celtarras por uns enfrontamentos cuns coruñeses. Na viaxe de ida a Coruña, producíronse varios furtos nunha área de servizo, o que motivou que na viaxe de regreso, a policía non deixara parar aos autobuses en ninguna área de servizo.

A visita dos Ultra Boys deixou incidentes nos minutos previos ao choque, polos cales varios ultras asturianos necesitaron asistencia médica. As Brigadas Charras do Salamanca, que tamén estiveron na nosa cidade, tiveron que refuxiarse no interior dun bar ata a chegada dos antidisturbios para defenderse dun grupo de celtarras bastante inferior en número que os esperaba fóra. No encontro da segunda volta presentouse en Salamanca un autobús de celtarras para saldar as contas pendentes dende o encontro en Vigo, coa fatalidade de que 26 membros do grupo remataron nos calabozos, mentres que o resto da expedición foi devolta pola policía a Vigo sen poder presenciar o encontro.

Se un acontecemento marcou a tempada do regreso céltico á Copa da UEFA, a 98/99, ese foi o do asasinato dun siareiro basco a mans dun membro do Frente Atlético, e Celtarras non foi alleo a esa nova; o seguinte partido disputado en Anoeta trala tráxica morte de Aitor Zabaleta, sería precisamente un Erreala-Celta, no que a expedición celtarra ata alí desplazada participaría nos actos de homenaxe. En Vigo sacáronse dúas faixas, coas lendas “Contra o fascismo español: Organización, autodefensa” (colada nas inmediacións de Balaidos e rápidamente arrincada polos antidisturbios) e “Frente Atlético fascistas cobardes” (exhibida durante o minuto de silencio e tamén retirada posteriormente pola policía).

Nesa mesma tempada tivo lugar a homenaxe a Patxi Salinas, xogador co que Celtarras sempre estivo moi identificado, e viceversa. O propio xogador agasallounos cun taco de entradas para dito encontro. Ese día, na que a abundante choiva caida deslucíu en parte o acto, portamos unha faixa coa lenda Sempre Patxi, e cando éste foi sustituido, voltouse cara Celtarras para agradecernos públicamente o noso apoio, ao tempo que sacaba parte da camisola da súa homenaxe para ensinar a de Celtarras que levaba posta por debaixo, e que lle fora dada pola nosa parte.  

Durante os incidentes producidos coa policía á conclusión do Celta-Coruña 00/01, producíuse o lanzamento dun cóctel molotov contra unha furgoneta dos antidisturbios.
No campionato seguinte fumos foco de atención en todo o estado tralos incidentes protagonizados con motivo do Celta-Athletic, onde unha absurda e desproporcionada carga policial na bancada de Fondo foi duramente respostada pola xente de Celtarras e HNT, obrigando ás forzas da orde a abandoar a bancada polo que lles puidera acontecer. Cinco compoñentes do noso grupo foron denunciados e levados a xuizo por ese feitos.
Se isto acontecía en novembro, meses despois, en maio, os Ultras Sur sorprendían a todo o mundo coa súa visita á nosa cidade. Chegaron sen escolta e co encontro xa comezado, e accederon á bancada de Gol coas entradas que supostamente mercaran o día anterior varios dos seus compoñentes, producíndose unha serie de incidentes cos siareiros de dita bancada. A resposta policial foi unha carga na nosa grada tras un gol céltico, mais a detención dun compañeiro. Pero o importante chegaría á conclusión do encontro, onde debería comezar o noso partido particular con este grupo tan coñecido dentro do panorama fascista español. Cos ultras madrileños todavía no interior dun estadio deserto, dous mozos eran sorprendidos por efectivos da G. Civil cuns cócteles molotov. Acusados de estaren preparando un ataque organizado contra o autobús dos fachas, foron trasladados ata o cárcere de A Lama, onde permañeceron un tempo importante ata abandoalo á espera do xuizo.

No Coruña-Celta, os baños da zona de Riazor empregados pola nosa hinchada quedan totalmente inservibles, con destrozos na práctica totalidade  do mobiliario (cañerías incluidas), o que provocou a ira dos mandatarios coruñeses, que para o clásico do seguinte ano quixeron cobrar un aval á hinchada viguesa para acceder ao encontro, para cubrirse ante novos desperfectos que se puideran repetir. Por primeira vez, esta viaxe faise con escala etílico-turística en Santiago de Compostela polo espazo de varias horas. Esta parada repetirase nas tempadas seguintes.

Ao remate dun encontro amigable en Balaidos entre o Celta e mailo Sporting de Lisboa na tempada 02/03, foron recoñecidos uns membros do grupo sportinguista Juve Leo, de marcada ideoloxía neonazi, e que como tal se levaron un agasallo de parte dos antifascistas galegos.



A COMPETICIÓN DE COPA

Na historia do grupo, tivemos a sorte de estar presentes en dúas finais de copa, en 1994 (en Madrid, ante o Zaragoza) e en 2001 (en Sevilla, de novo ante o equipo maño).

Para a primeira delas, estreáramos novas bufandas, e mentres o groso do grupo partía de Balaidos a primeiras horas da noite previa á final, outros facíano no tren gratuito que o concello dispuso para os siareiros célticos. Despois de varios minutos andando sen escolta polas rúas madrileñas, a expedición foi abordada na Praza Mayor pola policía, que xa non abandoaría a vixianza en todo o día; algunha escaramuza con hinchas zaragocistas e algún facha despistado, e pouco máis. Dentro do estadio, ambente espectacular e presencia dos bandeiróns do grupo.

A segunda das finais ás que asistimos, movilizou por parte de Celtarras a tres autobuses e xente dispersa polos autobuses postos gratuitamente polo concello. Á chegada a Sevilla dun dos buses alugados por Celtarras, producíuse un ataque por parte dos ultras do Zaragoza, que remataron por recuar e escapar a pesares de seren moitos máis nese intre e nese lugar. Durante a xornada proseguiron os incidentes, inda que de menor importancia, e as agresións a hinchas españois. Salientar a presencia entre nós de varios membros das Brigadas Amarillas gaditanas. Dentro do estadio, a Rianxeira non deixou escoitrar ao himno español, e a animación xa non foi como o da final anterior. O que sí se repetíu, foi a derrota céltica. Anteriormente, na entrada ao campo dos siareiros galegos, foron requisadas numerosas bandeiras do noso país, así como un grande cubre-gradas coas cores da nosa bandeira nacional. Nun despiste da policía, un mozo do grupo puido recuperar un bo feixe déstas, que dese modo pudieron desplegarse na bancada.

Pero falar da competición de copa nestes anos non é só iso; tamén é a viaxe a Sevilla para as semifinais do 97 ante o Betis, onde algún hincha local non saíu moi ben parado, e onde se fixo todo o que se quiso polas rúas sevillanas. O encontro de volta quentouse de tal modo por parte andaluza que éste rematou con importantes altercados nos aledaños do estadio, e cun dos mellores ataques levados a cabo contra as forzas da orde, que se viron sorprendidos polo que se lles víu enriba nalgúns intres. Un cámara da TVG grabou parte dos altercados, que días despois serían emitidos por dita canle. Como resposta, unha unidade móvil desa cadea sería apedreada ao remate do seguinte encontro disputado en Vigo.

Na semifinal previa á final de Sevilla, na que o Celta enfrontouse ao Barcelona, a policía levou a cabo unha serie de cargas na bancada, que atoparían resposta nos siareiros célticos, que chegarían a defenderse ata cos paus dos bandeiróns.

Esta competición deixounos tamén interesantes eliminatorias ante conxuntos do noso país. A Lugo desplazouse un autobús de Celtarras, que nos prolegómenos do choque fixo escapar a un grupo de Riazor Blues que se desplazara ata alí. Durante o encontro, invadíuse o fondo do campo lucense producíndose unha multitudinaria pelexa. En Ferrol, pola súa banda, o autobús desplazado enfrontouse dentro do campo á Policía Nacional, entre os que se producíu algún ferido. A TVG deu eses incidentes en directo.



O PERIPLO EUROPEO

Co equipo xa consolidado na máxima categoría, éste deu o salto de calidade coa chegada á Copa da UEFA na campaña 98/99. A bancada de Fondo engalanouse coas súas mellores galas para eses encontros continentais.

Celtarras tamén terá representación en moitos desplazamentos polo continente europeo, como en Birmingham, Liverpool, Marsella, Turín, Lisboa, Ámsterdam,...
Pero se dunha eliminatoria gardamos unha grande lembranza, esa é a disputada ante o Celtic de Glasgow. Se os que tiveron o grande privilexio de asirtir ao encontro de ida no ateigado e imponente Celtic Park regresaron moi contentos coa experiencia, ¿qué poderiamos dicir do vivido no encontro de volta?. En plena crise do Prestige, a invasión de siareiros verdibrancos á nosa terra non defraudou ás expectativas creadas con antelación ao choque, e a xornada deixounos unha impresionante festa, soamente empañada para nós pola eliminación céltica e por esa traxedia que por aquel entón tinxía os nosos mares da cor negra do chapapote que inundaba as nosas costas. O calexo engalanouse cunha grande faixa de benvida aos supporters célticos.

Pero ese periplo que durou de forma ininterrumpida ata a campaña 03/04 deixounos moitas máis imáxenes, como o autobús dos hinchas neonazis do Rijeka apedreado na copa Intertoto 00/01, e a posterior detención dun celtarra ao que os propios antidisturbios lle abriron a cabeza, ou o apedreamento a un dos buses dos ultras anti-comunistas do Estrela Vermella. A eliminatoria co Marsella deparou varios incidentes, tanto en Occitania como en Galiza. No encontro de ida, producíuse unha pelexa cunha parte da hinchada marsellesa nas horas previas ao encontro (mentres isto acontecía, outro grupo de celtarras era convidado a beber no bar de CU84), e nos que un mozo vigués levouse un corte na man ao ser atacado cunha botella. En Vigo, os maiores incidentes producíronse á conclusión do encontro coa policía, vivíndose unhas das cargas máis violentas e brutais das vividas xamais por estes lares, e que remataron cunha veintena de hinchas en urxencias, e outro ingresado no hospital durante varios días para recuperarse da paliza sufrida a mans das forzas da orde. Tamén un compañeiro tivo que pasar a noite en dependencias policiais. A resposta a semellante brutalidade policial foi unha concentración-manifestación levada a cabo nos prolegómenos do seguinte encontro en Balaidos.

Antes do Celta-Benfica producíronse tamén diversos enfrontamentos con grupos de siareiros portugueses de ideoloxía fascista.
Nas eliminatorias ante a Juve e mailo Lens, encendéronse uns botes de fume caseiros que contribuiron a mellorar o ambente á saida ao céspede dos dous equipos. Pero o día do Lens, éste estoupou e saíu disparado cara a bancada de Marcador, ocasionando queimaduras a varias persoas, tanto no pel como na roupa, e que se traduciron en denuncias e unha nova campaña anti-Celtarras promovida por algúns medios de comunicación. O que foi un accidente, traducírono nun ataque premeditado.
Nalgúns desplazamentos europeos houbo intres de tensión provocados polos típicos emigrantes que sacaban as súas bandeiras roxiguarras. Na visita á cancha do Sttutgart, un mozo de celtarras foi expulsado do campo por mor duna discusión con xente da Federación de Peñas provocada por un deses trapos. A nova do acontecido chegou rápidamente a Vigo, e esa mesma noite, o local da Federación aparecía incendiada por uns descoñecidos, e días despois, as súas paredes aparecían coa pintada “Federación incineración. Celtarras”.

Pero falar de Europa tamén é falar dos bos intres vividos con hinchas do Liverpool, Aston Villa, Lausanne, Aris de Salónica, Benfica, Marsella...

Xa na Champions League 03/04, á conclusión do Celta-Milán houbo unha tentativa de ataque contra un grupo de siareiros milanistas, que non pasou dun par de labazadas, porque ao contrario do que pensabamos ao principio, éstes eran antifascistas; co Bruxas, pola súa banda, un grupo de casuals neonazis escaparon en furgoneta ao seren descubertos e ollar cómo varios celtarras lanzábanse contra eles. A policía puso o resto.



O ANO 2004

 Foi sen dúbida un ano que non pasará desapercibido na historia do grupo, xa que os acontecementos que tiveron lugar foron moitos , e moi salientables.

Deportivamente, o equipo comezou xaneiro inmerso na Champions League, e rematou decembro en segunda división e fóra dos postos de ascenso. Trala consumación do descenso na derradeira xornada de liga, desátase unha oleada de violencia dentro da bancada, co lanzamento masivo de asentos ao céspede, que desembocan en cargas policiais que terán a súa continuidade nos exteriores do estadio durante bastantes minutos. Semanas despois, o Celta B recibe en Barreiro á Cultural Leonesa en encontro correspondente á liguilla de ascenso a 2ª división; ante a visita do Frente Leonés, grupo moi amigo da simboloxía fascista, unha treintena de Celtarras achéganse ata o campo, onde a numerosa presencia policial, sumada á intención dos leoneses de non separarse moito dos de azulón, fan imposible calquera tipo de contacto. Inda así, prodúcense duros enfrontamentos coa policía, e un celtarra é detido. O autobús do equipo visitante é atacado durante as cargas policiais, que tras iniciarse no interior do campo se trasladaron posteriormente ás rúas próximas.

No terreo persoal, a comezos de ano ingresaron en prisión Teto e Luís, feito que non sería o único negativo, xa que meses despois perdían a vida Marcos Frade “Arzobispo” e David “Play”, dous membros do grupo moi coñecidos por todos.

2004 deixounos varias viaxes destacadas, como a Bilbo (con concerto incluido para recadar cartos para os nosos compañeiros presos), Xixón (a pelexa cos Ultra Boys deu moito que falar) e Cádiz (onde se consolidou a nosa amizade coas Brigadas Amarillas). Antes de rematar o ano, tamén tivemos a visita dos nosos grandes amigos canarios do Frente Blanquiazul. No clásico ante o Racing de Ferrol, sacouse unha faixa coa lenda “Celtarras com os asteleiros” e outra con “Izar nem se fecha nem se privatiza”, mentres que ante o Pontevedra o motivo dunha nova faixa foi a solicitude dunha selección galega, iniciativa á que tamén se sumaron nesa xornada outros grupos de hinchas de Galiza.
Cara finais de ano, Celtarras sumouse a outra iniciativa, ésta levada a cabo a nivel europeo polos diferentes grupos de hinchas e colectivos e asociacións antirracistas de declarar unha xornada de loita contra o racismo; nós espuxemos na bancada unha faixa de “Racismo nunca máis”.



NON SO FÚTBOL

Dende o seu nacemento, Celtarras sempre tentou levar a cabo unha liña coherente coas súas ideas, e de compromiso político e social. Á participación máis ou menos activa de membros desta peña en diferentes colectivos, organizacións e actos de índole estudantil, política, social, etc., tiveron sempre a súa continuidade no campo de fútbol, a través dos diferentes cánticos, berros, faixas e iniciativas levadas a cabo. Foron, son e serán moitos os moitivos polos que traballar e loitar a reo. Ata o dagora, fumos solidarios cos insubmisos, cos presos políticos galegos e doutros paises, coa loita dos mariñeiros, co pobo irquí, e con Cuba, con Palestina, con Timor, cos traballadores dos asteleiros, coa traxedia do Prestige, cos vecinos de Teis afectados pola empacadora de Guixar, cos tupacamarus asasinados polo exército de Fujimori,...

Pero dende 2004, no que os nosos amigos Teto e Luís foron secuestrados polo estado español, nunha das súas cárceres de exterminio, a nosa loita principal é a relacionada coa súa liberación e axuda, para o cal creouse o CCCP (Coleitivo de Colaboraçom Celtarras Presos) para organizar e canalizar dunha forma máis axeitada toda esa axuda.

FONTE:  http://www.celtarrasgz.galeon.com/

No hay comentarios:

Publicar un comentario